Presentación
Estatutos
Actividades
Proxectos
Achegas
Galería de fotografías
Colaboradores
Contacto

A Xunta Directiva desta Asociación Cultural, desde o mesmo momento da súa constitución, ten levado a cabo unha serie de medidas para promocionar e conservar o patrimonio da danza. Así acordou na súa Asemblea de setembro de 1993 o cambio das bandas dos galáns por consideralas "bastante anacrónicas" e, segundo o informe remitido polo cura-párroco, D.Jesús Salvador Blanco Antelo, tívose en conta que "fueran rojas en su color, ya que ese es el color de las vestiduras litúrgicas del culto católico en las fiestas de los santos mártires, en este caso, el Gloriosos Mártir San Sebastián".

No ano 2001 Antonio Carballo González, froito da súa especial devoción ao Santo, doou desinteresadamente á Asociación os sombreiros das damas, que se puideron conseguir despois dun longo periplo que pasou por Barcelona e finalmente París.

Ese mesmo ano a empresa Frigoríficos do Morrazo, moi vencellada á parroquia de Aldán, sufragou na súa totalidade os sombreiros dos galáns. Tamén de xeito individual se teñen doada as garabatas dos galáns.
Merece especial referencia a celebración da danza fóra da súa data establecida de xeito excepcional, xa que, no verán de 2003 e auspiciada polo Concello de Cangas, se danzou na casa de turismo rural "Casa de Aldán" para a súa incorporación ao programa da TVE2 "Galicia para el mundo", dedicado ao Concello de Cangas, emitido o 12 de xullo, independentemente da nula colaboración amosada pola Concellería de Cultura.
A Xunta Directiva atópase mergullada en varios proxectos para os próximos anos: por un lado, aconfección duns novos faldróns para as damas, a curto prazo, e por outro a adquisición dunhas castañolas baixo a dirección dun mestre artesán de Santiago de Compostela e que están relacionadas cun modelo orixinario do Morrazo, concretamente da zona de Bueu. A máis longo prazo, a confección dunha caixa que acompañe a gaita durante os actos da danza na lembranza do ben facer de D. Feliciano de Donón.